viernes, 23 de junio de 2023

Tempada de excursións I

 


 Xusto o día no que comezaba o verán fixemos a primeira excursión da tempada 2023 e debutamos por todo o alto.


 Invitáronnos a unha ruta pola Ribeira Sacra e, a pesar dalgúns mareos polas curvas das carreteras da zona, desfrutámolo moitísimo.


 Eramos un grupo bastante grandeiro e fomos coincidindo en diferentes momentos con outro grupo de excursionistas, cousa que lle aportou un atractivo simpático á xornada.


 A ruta programouna unha guía profesional do INORDE que nos marcou unha axenda repleta.

 


 Comezamos con visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas e tódalas súas áreas destacables (como sempre, un dos maiores éxitos foi a subida ao campanario das máis valentes).


 Seguimos polo mirador de postureo do Bambán do Solpor que aínda nos ocupou un bo anaco entre fotos e fotos.



 A seguinte parada foi o mosteiro de Santa Cristina, onde fixemos a obrigada "peregrinación" de baixada e subida entre as caracochas e outros símbolos de silencio e illamento.




 Rematamos a mañá no mirador de Cabezoás que nos impresionou e encantou a todas pola amplitude e impacto das vistas sobre unha boa parte do río Sil, o seu canón e os altos cantís.

 

  Tempo para a comida no merendeiro dos Balcóns de Madrid cun sustiño en forma de 10 minutos de chuvia. Mais pronto escampou e puidemos facer a visita aos impresionantes miradores do lugar mentras a nosa guía nos contaba sobre a dificultade do cultivo da uva nesa zona da Ribeira Sacra.




 Na primiera parte da tarde fomos coñecer a Casa Museo Fábrica de Chocolate de Teimende que nos sorprendeu moito porque ninguén sabiamos da existencia dunha antiga fábrica de chocolates artesáns nesa zona.

E rematamos cun par de horas por Castro Caldelas incluíndo visita ao castelo e sobremesa de terraceo.






 Regresamos cansas pero moi contentas e con ganas de desfrutar xa dun novo día de excursión.


2 comentarios: